O proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, unha viaxe ao interior da Terra
San Sadurniño é un lugar cunha xeoloxía singular. No sur do concello poden observarse fenómenos como os bolos, os taffoni ou cacholas, as pías e os castelos, ademais de apreciarse claramente o punto onde conflúe o bloque granítico do Forgoselo coas terras ultrabásicas do Complexo do Cabo Ortegal ao norte do río Castro, encaixado nese punto na antiga falla que vai desde As Pontes até a praia de Campelo, en Valdoviño.
De feito, a área do Castro e do Forgoselo é un dos lugares de interese xeolóxico e científico do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.
A área abrangue 630 Km² de superficie dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño (As Somozas desmarcouse desde o comezo do proxecto), onde se localizan ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo: praias de area vermella
raras praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.
Porén, un xeoparque non é só xeoloxía, senón que esa herdanza natural debe estar vinculada -e así o esixe a propia UNESCO- con outros aspectos, como o desenvolvemento económico sostible, a cultura e o patrimonio. Neste sentido, os xeoparques buscan ser motor para un turismo de calidade e con certo poder adquisitivo e para outras iniciativas de promoción local que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional.
A UNESCO non outorga a distinción de Xeoparque Global a partir dun programa escrito, senón que para presentar unha candidatura fai falla levar a cabo investimentos e actuacións que, posteriormente, son verificados pola organización dependente das Nacións Unidas. É máis, antes de chegar sequera á UNESCO é necesario que a candidatura pase polo filtro do Comité Español de Xeoparques, que só admite dúas propostas por ano e sempre que os proxectos reunan suficientes condicións de solvencia técnica.
Cerrar [X]Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies